Quando o animalismo se une ao ecocídio

Umha das caras da crise ecológica global é a acelerada perda de biodiversidade.  Esta sexta grande extinçom —a primeira causada por umha espécie, nós— tem entre as suas causas a introduçom de espécies invasoras. Em Galiza temos umhas quantas, entre elas o visom americano. E como é que chegou o visom americano à Galiza? Pois da mão da indústria peleteira, que se instalou neste país a finais da década de 1950 fazendo del o maior produtor do Reino de Espanha.

Primeiro fôrom as fugas, despois vinhérom tamém as soltas por parte de grupos animalistas. Assi, as conseqüências dumha actividade industrial —desenvolvida ignorando os impactos ambientais e sufrimento inecessário que gera para produzir um bem de uso suntuário— vem-se multiplicadas por umha outra actividade que se pretende alternativa e libertadora. E aí os vam, antropocentrismo forte e anti-especismo extremista da mão, alimentando a sexta grande extinçom e a crise ecológica global.

O problema do animalismo é que, como o industrialismo, carez dumha visom global e nom se importa o mais mínimo polas conseqüências ambientais e sociais das suas propostas e acções, limita-se a defender os direitos dos animais como indivíduos sem atender a mais nada: contexto, ecossistemas, biosfera… chegando ao paradoxo de, por defender os direitos individuais duns animais, pôr em perigo a sobrevivência nom só doutros animais de forma isolada, senom de espécies no seu conjunto.

As organizações ecologistas adoitam defender posturas animalistas ou antiespecistas aplicando-lhes umha “correcçom ambiental”, pero os grupos animalistas, em especial quanto mais extremistas som, nom fam isto e daí “desastres bem-intencionados” como as reiteradas soltas de visões. Meios e cidadania pouco a pouco vam começando a ser quem de distinguir entre ecologismo e animalismo, mas o dano ambiental está feito e quem o causa nom semelha dar entrado em razom.

4 Comments to Quando o animalismo se une ao ecocídio

  1. Odemo di:

    Mais umha vez a diferença vem marcada pola falta de reflexom.
    As posturas animalistas guiam-se pola afectividade e empatia para com os animais. Sentimento que nom tem nada de mau, sobretodo se servisse com germolo dum pensamento mais complexo e argumentado. Por desgraça os militantes animalistas ficam sempre nesse primeiro estádio, e consideram que a “libertaçom” do animal é bom porque o acto propriamente lhes proporciona umha sensaçom positiva. Por desgraça nunca analisam as conseqüências reais para o animal, a espécie, o ecossistema no que se “libera”, etc…

  2. rubenperez di:

    Unha análise simplista; que identifica o animalismo con certas correntes radicais…

    Non deixa de sorprender como dende o animalismo sempre se formularon propostas a prol da defensa dos animais, mentras o ecoloxismo se limita a formular ideas ou proposta en función da especie, non do individuo. Cando se promove a abolición das touradas faise polo sufrimento dos touros, non da especie; pois as especies non sufren.

    Sobre as liberacións de visóns habería moito que falar, pero o ecoloximo todavía non deu unha proposta sobre a peletería, unha industria tan cruel como innecesaria. Existen numerosos informes sobre o problema das granxas peleteiras en España, non só Galicia; pois, a pesares do que se di nos medios de comunicación, o visón europeo non é endémico de Galicia, senón de Navarra ou Cataluña. E son as granxas peleteiras as que promoven a extinción dun animal máis ameazado que o lince ibérico e que sen embargo críase nas granxas peleteiras galegas; ¿Qué dixo o ecoloxismo fronte isto? NADA

    Hai que artellar verdadeiras propostas fronte a peletería e os ceivamentos destes animais non deixan de ser unha forma de visibilizar un problema, que non ten por que ser a máis adecuada nen lóxica; pero de ahí a relacionar o animalismo con estas cousas hai un bo treito.

    Non hai paradoxas na defensa dos animais, e dubido que o ecoloxismo saiba defender correctamente aos animais; pecan na base, defender especies e non individuos; por iso algúns defenden as batidas de animais, e outros, os animalistas non.

    Máis do mesmo, por iso algún defenden a gandería e os outros non, porque a explotación animal non ten ningunha xustificación, salvo o antropocentrismo máximo e o egoísmo sublime con que os seres humanos tratan aos demais habitantes do planeta.

    ¿Qué é iso de especie invasora? ¿Non é o ser humano a maior especie invasora do planeta? ¿Qué dereito temos a cualificar aos animais, ou mesmo comelos? E é significativo que mentras uns papan de todo outros non se comen aos seus “defendidos”.

    Hai que dicir que a entidade a que pertenzo, desmarcouse das liberacións, e é unha entidade animalista.

  3. rubenperez di:

    Odemo, hai que ler máis sobre o movemento animalista, pois no seu seo hai diferentes correntes.

  4. signatus di:

    rubenperez, bem sei que o animalismo é plural e que nom todas as organizações animalistas apoiam e seguem as mesmas estratégias. Pensei que deixava isto claro ao falar de “animalismo extremista”.

    No que fai respeito às tuas afirmações sobre o movimento ecologista, contrasta-as com isto (por exemplo):
    1. http://pages.citebite.com/h1v8f9f8h3com
    2. http://www.verdegaia.org/content/view/123/82/

    Polo demais, as espécies invasoras nom o som porque malvados humanos especistas as denominem assi e, na minha opiniom, nom é necessariamente especista nem especialmente antropocêntrico alimentar-se de animais nom-humanos.